Antes no “ruedo” que na grada

E agora, aos que non lles gusten os touros resulta que non son patriotas, o desta avoa sesaxenaria é para sacarse a boina mentres un se esmendrella coa risa. Rematou a semana de paixón e ao fío do domingo de resurrección volta para ocupar minutos e minutos nos diferentes espazos informativos deste país.

Estar na tribuna é o seu e cando albisca que a poden desaloxar dela non ten nin o máis mínimo problema en lanzarse en prancha á area, antes no “ruedo” que na grada. Este debe ser o seu lema e cada vez que ten ocasión a amosalo nin se achica nin se ruboriza. Quizais sexa isto ao que se lle denomina “raza política”, pois doutro xeito non se entende como aínda sigue aí ao pé do canón sen esfarelarse logo de tanto “chupinazo”. Esvaróns que para outros serían definitivos para esta señora son simples “muescas” na culata das súas pistolas. Isto haillo que recoñecer, e por moito que poida doer que a suposta “raza política” sexa este enxendro burdo do servizo público, haino que roer. A realidade é que é así.

Chegados a este punto pode que alguén poida intuír que se está a falar dun mérito seu, pero nada máis lonxe disto, do que se trata e dun inmenso demérito de todos e cada un dos seus concidadáns. Permitir semellantes parvadas a todos e cada un dos representantes públicos desta nosa sociedade, di tanto de quen así actúa que o máis prudente é omitir as palabras coas que habería que definir tal comportamento.

Despois de todo quédanos a mofa, e esta pódese repartir a partes iguais entre uns e os outros, pero iso si, os parvos está moi claro quen son, os outros, o que teñen disto quédalles moi ben, viven sen dar pancada e todo o que teñen que facer é actuar e actuar sen amosar nin chisco de ética pública.

Deixar un comentario

Arquivado en Opinión

Deixar un comentario