A dama de vermello

estambulBarallando en como estruturar esta reflexión, o disco duro persoal levábame con insistencia a unha señora que emerxía dunha barricada, cun peito ao ar e guiando ao seu pobo, é dicir, á obra de Delacroix. Pero tamén hei de confesar que había algo no que me estaba trabucando, ela non ía de vermello, esta cor circunscribíase só a unha mera franxa da bandeira francesa.

E con estes datos, pode que máis dun xa albisque por onde poden ir os tiros. Pois si, todos aqueles que estean pensando nunha dama de vermello aguantando os envites dun policía, acertaron de cheo. A verdade é que non sei o nome, e quizais tampouco importe demasiado, da outra, a parisina, tampouco se sabe, ou polo menos eu non o sei. Mais do que si non hai dúbida é que se converteu na icona dunha época, e polo que se vai intuíndo a esta, pódelle ocorrer o mesmo. O pobo necesita referentes, e estes, rara vez se poden atopar neses supostos líderes que nos pretenden guiar. Para poder chegar a ser unha auténtica referencia necesítase autenticidade, e todo aquel, ou aquela, que a busque deliberadamente, é moi probable que non a poida aportar. O xenuíno só pode ter unha orixe, e esta, non é outra que a nobreza de corazón.

Pode que esta revolta quede en nada neste intre, pero se aínda isto sucedese, non todo sería en vano, unha mecha cando se acende, antes ou despois chega ao seu obxectivo. A praza  Taksim foi o comezo, e o que veña a continuación encherá ringleiras e ringleiras de comentarios xornalísticos, pero do que non cabe dúbida é que tamén podería pasar a formar parte dos libros de historia, e quen sabe!, quizais se ilustren tamén cunha dama de vermello.

Deixar un comentario

Arquivado en Opinión

Deixar un comentario