Unha raiola de esperanza

asxçTodo individuo que conforma unha determinada sociedade, soe ser herdeiro, e tamén polo tanto refén, tanto das súas vivencias persoais, como das que configuran esa colectividade. Nada, ou case nada, é froito da casualidade, todo ten unha explicación, e a cuestión sería dar con ela.

Tentar facelo sería un traballo loable pero tamén arduo e de moi difícil concreción nuns mil cincocentos carácteres, así que, mellor limitarse a constatar e comentar certos feitos altamente esclarecedores.

Nesta última semana podemos comprobar como unha nova xeración de turcos está dicindo non aos seus maiores, xusto a eses que configuraron a súa realidade presente. E aínda que o descontento se materializa nos seus políticos con Erdogán á cabeza, no fondo, semella un toque de atención a toda unha xeración, é dicir, a todos eses que agora roldan os cincuenta ou sesenta.

Que os seus proxenitores o intentarían facer o mellor posible é certo, como tamén o sería que se trabucaron, e en moito. Pois, cando o descontento chega a este punto, o que está moi claro é que as cousas non se fixeron ben, e agora, os que veñen detrás, o que teñen é que desandar ese camiño que os seus devanceiros nunca deberan percorrer. Mirar para o meu, e esquecerse do ben común, é un delito de auténtica “lesa humanidade”.

E se isto podería ser válido para os turcos, tamén nolo poderiamos aplicar nós. A nosa xeración, aos que agora estamos rexendo esta sociedade. Durmímonos e deixamos de ocupar o noso lugar. Era máis cómodo deixarse ir, e axiña nos subimos ao carro. Permitimos, por activa ou pasiva, que os cargos públicos prostituíran as institucións e os diferentes organismos do estado, e agora teñen que ser outros, os que veñen detrás, os que nos saquen as castañas do lume.

Ver como un grupo de xoves son capaces de plantar a todo un ministro, e de educación para máis saña, é toda unha raiola de esperanza. Non todo está perdido, e iso é algo que hai que agradecer. Pero claro, para isto, para recoñecelo, tamén hai que ser minimamente humildes, e esta, a humildade, non é por certo unha calidade que se cultive demasiado entre esa tropa que non sabe nin o lugar que ocupa.

Por moito que nos puidera pesar, que o dubido, deixamos “un mundo de merda” aos que nos están relevando. E o peor de todo é que nin sequera somos capaces de recoñecelo cando o temos diante. Dámos pena, e todo iso que non soubemos ensinar aos que tiñamos obriga de facelo, acabaránnolo ensinando a nós, e gústenos ou non. A xustiza hase de impor, e xusto é que así sexa por moita “merda” que nos poda caer enriba.

 

Deixar un comentario

Arquivado en Opinión

Deixar un comentario